Tuesday 17 de September de 2024

Laxe renderá homenaxe á xente falecida no mar na 62ª edición do Naufraxio, Festa de Interese Turístico de Galicia


• Será o vindeiro sábado, 17 de agosto, a partir das 11:00 horas e conta cunha completa programación na que se inclúe o pasarrúas, a misa solemne, a danza de arcos, a representación e a procesión marítima

Como xa é tradición no municipio desde 1962, o Concello de Laxe renderá homenaxe á xente falecida no mar o vindeiro sábado, 17 de agosto, nunha 62º edición do Naufraxio que contará cun completo cartel.

No acto de presentación participaron o alcalde, Francisco Charlín, a concelleira de Turismo, Raquel Lema, e o Patrón Maior da Confraría de Pescadores, entidade organizadora, Luís Suena.

A axenda do día comezará ás 11:00 horas co pasarrúas a cargo da banda de música Eduardo Pondal de Ponteceso e a asociación cultural Maruxía da localidade. Ás 12:00 horas terá lugar a misa solemne na honra da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, na Igrexa Parroquial Santa María da Atalaia.

Seguidamente, dará saída a procesión da Virxe e, ao seu remate, levarase a cabo, na zona portuaria, a Danza de Arcos.

Procederase, de seguido, á representación do Naufraxio no peirao, sobre as 13:00 horas. Alí volverase a cantar o ‘Salve Mariñeira’ a cargo dos traballadores do mar e dará comezo a procesión marítima.

Por último, a procesión da Virxe do Carme regresará á Igrexa Parroquial porteada polos mariñeiros descalzos que participaron na representación.

Trátase dunha cita única na Costa da Morte, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, que conta xa con máis de 60 anos de historia e na que os sentimentos están a flor de pel.